
Os cursos de iniciación á viticultura organizados pola Concellaría de Medio Ambiente do Concello do Porriño, en colaboración coa Asociación de Viticultores Val da Louriña, desenvolveranse nas parroquias porriñesas de Cans -no local da Asociación Cultural- e Torneiros -no local da Asociación San Salvador- durante o mes de marzo.
"Un cultivo racional da viña fai máis levadeiros os traballos do campo, facendo da actividade vitivinícola algo máis lúdico e atractivo. Este curso quere axudar a que as nosas viticultoras e viticultures obteñan un viño de colleita propia da máxima calidade", afirmou a Concelleira de Medio Ambiente, Miriam Martínez Troncoso.
O obxectivo destes cursos é dar a coñecer un conxunto de técnicas e sistemas de cultivo que permitan á viticultora e viticultor tradicional un máis axeitado e racional manexo da viña para favorecer unha producción máis abundante e de mellor calidade.
O programa do curso inclúe temas como a preparación do terreo, os sistemas de plantación, o fertilizado; o enxerto da viña, os sistemas de conducción, a poda, o abonado, as plagas ou a vendima.
A Asociación de Viticultores Val da Louriña constituíuse en xullo do 2007 coa intención de manter a actividade agraria na zona a través da viticultura, e pular por unha identificación xeográfica propia para os viños da comarca, a identificación Viños da Terra do Val da Louriña. Con actividades como este curso de iniciación á viticultura, a Concellaría de Medio Ambiente quere responder ás demandas da asociación, colaborando na mellora da formación de viticultoras e viticultores .
As persoas interesadas en participar nos cursos deben chamar aos telefones 625373606 e 615567745. Existen prazas limitadas.
