lunes, 23 de marzo de 2009

Gabino, Fel e Vavá Pexegueiro foron homenaxeados na Cena anual do Porriño Industrial F.C.

Toda a actualidade de O Porriño


Preto de 300 persoas participaron na Cena anual do Porriño Industrial F.C. na que este ano foron homenaxeados tres futbolistas históricos do municipio: Gabino, Fel e Vavá Pexegueiro.

Este recoñecemento chégalles non só polos seus logros deportivos, senón tamén polo labor realizado no fútbol base porriñés unha vez abandonada a súa carreira futbolística. Os irmáns Pexegueiro comezaron neste deporte de nenos, dándolle patadas a un balón feito con medias de muller, no caso de Vavá, ou en festas de barrio no caso dos seus irmáns; pero pronto a súa técnica e a súa forza física, dúas características que definen aos Pexegueiro, foi recoñecida polo equipo do pobo, o Porriño Industrial, ao que se incorporaron de moi mozos, aínda que en diferentes etapas.



O momento máis emocionante da noite chegou cando o Vicepresidente do Real Club Celta de Vigo, acompañado polo exxogador celeste “Vlado” Gudelj, agasallaron a Vavá, cuxa carreira deportiva está vinculada ao Celta, cunha camiseta do clube asinada polos xogadores e co seu nome impreso. O clube vigués tamén se acordou de Gabino e Fel, que recibiron senllos presentes. Da mesma maneira, a Agrupación de Veteranos do Celta, representados polo porriñés Toni Rodríguez e Waldo, recoñeceu a traxectoria dos irmáns, do mesmo xeito que a Federación de Árbitros de Vigo e o equipo de fútbol sala Martín Codax.

O presidente do Porriño Industrial F.C., Ramón Bastos, pechou a gala, agradecendo a presencia dos asistentes e convidándoos a participar nos vindeiros anos na iniciativa do encontro anual na que se reúnen directivos, futbolistas, adestradores, afeccionados e personalidades do mundo do deporte, unidos por unha paixón común: o fútbol en xeral e o Porriño Industrial en particular.

Fonte: apeneiradalourina
Artigo orixinal: http://apeneiradalourina.wordpress.com/2009/03/23/gabino-fel-e-vava-pexegueiro-foron-homenaxeados-na-cena-anual-do-porrino-industrial-fc/

No hay comentarios: